Planos desde a xanela
Cando empezamos os obradoiros a primeira proposta é filmar ‘Planos do mundo’ desde a xanela, inspirados no inicio do “Diario” de David Perlov e fragmentos de outros cineastas. Os alumnos e alumnas filman con especial atención ao ceo, as horas do día e o encadre. Desde 2014 en Cinema en curso filmáronse máis de 3500 'Planos do mundo' en aldeas e cidades de Catalunya, Madrid, Galicia, Euskadi, Brandenburgo e Chile.
Desde o inicio do confinamento, esta proposta toma unha significación e valor moi especiais. Mozos e mozas filman de novo o que ven pola xanela: os atardeceres, as horas máxicas e azuis, as luceciñas da noite, os ceos claros e as nubes grandes e pequenas, algunhas árbores, choivas lentas, a neve, o canto dos paxaros, o son da noite...
Aquí recollemos os planos filmados desde o 13 de marzo; tamén algunhas montaxes.